Eventos

Presentación no MICE «Redeiras Atalaia» e «O Piueiro»

O 23 de marzo de 2022 ás 18.30h presentamos no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, as pezas audiovisuais creadas por Xisela Franco. Trátase de dúas creacións desenvoltas polo proxecto Atlantic Culture Scape A Guarda, que visibilizan o patrimonio inmaterial da vila, onde a súa xente, o mar e a cultura mariñeira son os elementos vertebradores.

Desta forma, as dúas pezas audiovisuais aproxímanse ao mundo do mar desde a etnografía experimental. Unha visión entre o documental e a poesía que nos achega ao mundo mariñeiro da Guarda e as súa xente.

Á xornada asistiron as creadoras do documental e as persoas protagonistas: a Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia e a de Embarcacións Tradicionais O Piueiro, que pecharán a xornada cun faladoiro. Esta xornada é de balde e está enmarcada dentro das actividades paralelas que ofrece A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), do Museo do Pobo Galego.

Sobre Atlantic CultureScape

O proxecto Atlantic CultureScape é unha iniciativa que estuda e visibiliza o patrimonio inmaterial do espazo Atlántico. Co-financiado polo Fondo europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), ao abrigo do programa INTERREG Espazo Atlántico, o programa promove a cooperación transnacional entre 36 rexións atlánticas de cinco Estados europeos. Desta forma, participan diferentes entidades e organismos de lugares como Irlanda, Gales, Cantabria, Andalucía, Portugal, […] e Galicia! É así como nace Atlantic CultureScape A Guarda, un proxecto comunitario impulsado pola Universidade de Vigo e levado a cabo grazas á colaboración das asociaicións mencionadas, entre outros actores locais.

Así a través do proxecto foise tecendo un proceso creativo e colectivo que ten como fío condutor o mar, dando como resultado diferentes accións e actividades participativas que poñen en valor, visibilizan e difunden o patrimonio inmaterial local.  Entre outras iniciativas, creáronse dous roteiros nos que se recolle todo ese patrimonio construído e sostido polas persoas que habitaron e que habitan A Guarda. Con estas dúas creacións audiovisuais téntase, unha vez máis,  poñer o foco nas comunidades locais: as portadoras e transmisoras de saberes e faceres tradicionais. Deste xeito, Atlantic CultureScape A Guarda  pretende dar a coñecer non só a paisaxe da vila mariñeira, senón que tamén a súa historia e o seu patrimonio material e inmaterial.

Aquí vos deixamos un resumo fotográfico da xornada!