A Guarda

A GUARDA, PORTO DE MAR E DE RIBEIRA


O río Miño, o monte Santa Trega e o océano Atlántico custodian o concello da Guarda. As augas salgadas do Atlántico abastecen o alimento necesario para a vida e o arghazo co que abonar as hortas; traen palabras coas que nomear o vento e nutren vidas mariñeiras ligadas a un mar que dá, mas tamén leva.


Co paso do tempo foron sedimentando saberes, artes, oficios, cantos… ligados ao mundo mariñeiro. Unha cultura nutrida durante milenios que nas últimas décadas experimentou unha profunda mudanza, froito do proceso de industrialización que experimentou o mundo e, en particular, o sector da pesca.

Hoxe conviven os vellos saberes dun pasado artesán que se entrelaza (ou que esmorece) coas novas formas do mundo moderno.

A Guarda tamén é mar doce…

O esteiro do Miño é un espazo de transición e convivencia entre dous ecosistemas: o fluvial e o mariño. A riqueza provocada polo intercambio de auga doce e salgada, debido ás mareas, permite o crecemento e desenvolvemento dunha ampla diversidade de especies vexetais e animais.

Trátase dunha área de conexión e intercambio entre as poboacións situadas a ámbalas marxes do río. Nel asentaron, noutrora, un porto con grande movemento de mercadorías e diversas industrias e institucións que o dotaron dunha significativa importancia: serrarías, estaleiros, fornos de cal, almacéns comercias, muíños de vento…

Pailebot Río Miño-Serrerías Nandín y Vicente-Tamuje-Botadura 26 Abril 1919. Fotografía cedida pola Asociación de Embarcacións Tradicionais O Piueiro.

Ao longo deste camiñar podemos apreciar diversos elementos patrimoniais que amosan a longa historia mariñeira destas terras. Coa súa difusión pretendemos agarimar o pasado para nutrir o presente, ao tempo que coidamos do futuro.

Deja un comentario